Saltar ao contido

Romería da Barca de Muxía

Orgullo de canteira futbolística na apertura oficial da Romaría da Virxe da Barca

Virxe da Barca. Talla original.

“Aquí non só hai festa. Hai fe, cultura, tradición mariñeira, hospitalidade e, sobre todo, hai corazón”. Así definiron onte as xogadoras a xogadoras do CF Muxía a Romería da Virxe da Barca, na apertura oficial dos festexos máis grandes da localidade de Costa da Morte que fixo gala do seu orgullo de canteira futbolística e de vila acolledora de visitantes, máxica e chea de atractivos.

O rexedor muxián, Javier Sar, fixo de mestre de cerimonias deste acto, presidido polo director da Axencia Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, e no que tamén participaron os integrantes da Asociación Cultural da Romería da Barca de Muxía -encabezados por Ramón Pérez Barrientos-, e a concelleira de Cultura, Sandra Vilela. Na súa intervención, o alcalde gabou os logros acadados polo CF Muxía no último ano. Un dos motivos polos cales se lles asignou ao club a tarefa de ser pregoeiro desta edición da festa.

Ao fío disto, o presidente do club, Juan José Busto, lembrou que “o 8 de xuño os nosos sénior masculino e feminino facían historia no libro muxián, chegando á final da Copa da Costa, nada máis e nada menos que 59 anos despois”. Un fito que agradeceron á Virxe da Barca realizando unha ofrenda floral.

Busto dedicou unhas verbas tamén á xuventude muxiá, porque “neles está o presente e o futuro do noso pobo. Sodes a enerxía que enche as rúas de ledicia e os campos de fútbol de ilusión. O voso esforzo, a vosa creatividade e a vosa unión mantedes vivo o espírito de Muxía e asegurades que estas festas sigan brillando xeración tras xeración”, concluíu entre os aplausos e vítores das centos de persoas que se achegaron ata o Malecón para asistiren ao pregón.

As xogadoras e xogadores do CF Muxía tomaron despois a palabra para louvar o poder integrador que ten a localidade en xeral, e a Romería da Barca en particular. “É un canto á unidade, como o noso club”, afirmaron, ao tempo que desexaron que “nunca nos falten as alegrías destas festas nin a forza da nosa xente e que Muxía siga brillando coa mesma paixón que levamos nós cada domingo ao campo”.

Referente no calendario festivo

Pechou o acto Xosé Manuel Merelles, quen lembrou que a Romería da Virxe da Barca é Festa de Interese Turístico Nacional desde hai case catro décadas, contando con numerosos “valores e recursos para encandilar os visitantes. De feito, o Santuario da Barca é un lugar dos considerados máxicos en Galicia”, concretou.

Neste senso, e no obxectivo de ampliar o coñecemento da celebración alén as fronteiras españolas, Merelles asegurou que a cita conta con “méritos suficientes para conseguir a declaración de Festa de Interese Turístico Internacional, sendo un referente dentro do calendario de festas galegas por moitas razóns: representa a identidade de Galicia, mestúranse nela fermosas paisaxes naturais, a historia, a arqueoloxía, a cultura o mar, a relixiosidade, a música e a festa”.

Ademais, como meta da prolongación do Camiño de Santiago, “Muxía representa a cultura xacobea, definida pola solidariedade, o respecto, a humildade, a tolerancia e a empatía. Lugares de encontro como este están chamados a ter cada vez un maior protagonismo”, sentenciou desexando a toda a veciñanza e visitantes que gozaran destas xornadas festivas.

Tras o pregón, iniciouse a verbena nocturna, a cargo da Orquestra Kubo. Aínda coas choivas intermitentes que caeron pola noite, as centos de persoas asistentes non quixeron renunciar ao pase musical desta agrupación que continuou cunha sesión a cargo de Disco Móvil CDC.

Programación para hoxe

A tirada de bombas de palenque desta mañá marca o inicio da segunda xornada festiva en Muxía, xunto co pasarrúas de cabezudos, gaiteiros e charangas polas rúas de Muxía. Non faltarán outras actuacións como a da Banda de Música de Ponteceso e outras agrupacións musicais que animarán o ambiente na vila. Pola súa banda, no Santuario da Barca ofreceranse misas ás 11.00, 13.00 (cantada), 18.00 e 19.00 horas.

A parte lúdica estará protagonizada polas orquestras Alianza, que se encargará da sesión vermú, e pola París de Noia, que ofrecerá o seu espectáculo pola noite, xunto coa anterior formación. O momento máis destacado será a gran sesión de fogos artificiais desde o peirao, que darán comezo ás 00.30 horas.

Toda a información sobre a celebración pódese consultar na web do evento https://romeriadabarcademuxia.com/ e nos seus perfís en Facebook e Instagram.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ir o contido
Romería da Barca de Muxía
Resumen de privacidad

Este sitio web usa cookies para poder ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.