Saltar ao contido

Romería da Barca de Muxía

Arranca a programación litúrxica da Romaría da Virxe da Barca de Muxía co estreo da réplica da Santa en 3D

O arcebispo de Santiago presidiu o inicio da Novena e bendixo a imaxe, que sigue fielmente a talla e as técnicas de pintado da orixinal, datada do século XV

Os actos relixiosos serán retransmitidos por streaming a través da fan page de Facebook do Santuario


Muxía, 6 de setembro de 2024. A Romaría da Virxe da Barca de Muxía, declarada Festa de Interese Turístico de España dende 1989 e que conta co apoio da Xunta de Galicia, iniciou onte pola tarde a súa programación litúrxica con varias novidades. A máis destacada foi o estreo da réplica da imaxe da Santa, bendicida polo arcebispo de Santiago, monseñor Francisco Prieto, nun acto que contou con centos de fieis e que finalizou co Himno da Virxe da Barca.

O prelado presidiu a primeira Eucaristía da Novena na honra de Nosa Señora da Barca, que se estenderá ata o próximo venres 13 de setembro. As misas desenvolveranse maioritariamente en horario de mañá (09.00 horas) e de tarde (19.00 horas e cantadas pola Coral Polifónica de Muxía). Estas últimas serán retransmitidas vía streaming a través da páxina de Facebook do Santuario da Barca (https://www.facebook.com/profile.php?id=61560301827907).

Daniel Turnes -novo párroco do Santuario muxiano e que está á fronte, por primeira vez, dos actos- fixo entrega a monseñor Prieto dun cadro como agradecemento a súa participación na inauguración da Novena. Un acto no que tamén estiveron presentes integrantes da directiva da Asociación Cultural para a celebración da Romaría da Virxe da Barca de Muxía, presidida por Ramón Pérez Barrientos.

Combinación de modernidade e tradición

Pérez valorou moi positivamente a incorporación desta renovada imaxe ao Santuario, así como a posibilidade “de que se podan seguir os oficios máis destacados a través de streaming. Resulta una ferramenta idónea para levar a celebración máis aló das nosas fronteiras”, concluíu.

Sobre a imaxe da Santa, Daniel Turnes explicou que se trata “dunha réplica moi fidedigna da orixinal. Foi realizada en 3D e combina o último en tecnoloxía e o tradicional da restauración, xa que segue a fórmula de pintado medieval empregada na figura orixinal, que data do século XV”, explica. Igualmente, creouse un novo altar e ambón para esta réplica que xa preside o Santuario e que se utilizará nos distintos actos da Romaría da Virxe da Barca de Muxía.

Mentres tanto, a imaxe orixinal atópase custodiada “baixo sete chaves”, coa fin de que se manteña a bo recado. Só saíu do espazo no que se atopa para ser trasladada a Oviedo, baixo todas as medidas de seguridade pertinentes, coa fin de realizar a réplica bendicida onte no Santuario. Precisamente, o feito de que a talla orixinal se atope noutro lugar foi o que favoreceu que non fose vítima do brutal incendio que sufriu o Santuario da Barca de Muxía en 2013.

Actos relixiosos especiais

Dentro da programación litúrxica da Romaría da Virxe da Barca de Muxía destaca a procesión nocturna dos fachos, que terá lugar mañá ás 20.30 horas, con saída e regreso ao Santuario. O domingo terá lugar a celebración coas persoas enfermas, mentres que o luns 9 de setembro se celebrará, ás 17.00 horas, o funeral polos devotos defuntos da Virxe da Barca.

Unha vez finalizada a Novena, incrementaranse os horarios de oficios relixiosos durante a fin de semana grande da Romaría muxiana. A misa solemne terá lugar o domingo 15 ás 13.00 horas e estará presidida por Manuel J. Fernández Formoso, canónico da Catedral de Santiago. Á Eucaristía seguirá a tradicional procesión de Nosa Señora da Barca ata o peirao de Muxía.

A imaxe da Santa regresará ao Santuario o luns 16 de setembro coa procesión que sairá ás 12.30 horas da igrexa parroquial. A misa que porá o broche aos actos relixiosos desenvolverase ás 13.00 horas.

Programación cultural e de ocio

Dende a Asociación Cultural da Romaría da Barca de Muxía esperan unha afluencia masiva de fieis, especialmente na xornada do domingo. Paralelamente aos oficios relixiosos, a organización desta cita, que conta co apoio da Xunta de Galicia, ofrecerá un completo programa de actividades culturais e de ocio.

Así, entre o xoves 12 e o luns 16 de setembro, ofreceranse multitude de propostas, entre as que se destacan a maior traca de bombas de toda Galicia e unha gran sesión de fogos artificiais nocturnos. Todos os días haberá música con orquestras de renome, DJs e concertos, que se combinarán con outro tipo de actividades a pe de rúa.

Toda a información sobre a Romaría da Virxe da Barca de Muxía pódese consultar a través dos perfís que a celebración acaba de estrear en Facebook e Instagram (@romeriadabarcamuxia).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ir o contido
Romería da Barca de Muxía
Resumen de privacidad

Este sitio web usa cookies para poder ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.