Saltar ao contido

Romería da Barca de Muxía

A Romaría da Virxe da Barca bate récords de popularidade na súa edición máis internacional

“A Romería da Virxe da Barca é un sentimento… Non se pode explicar con verbas”. Así é como moitos muxiáns describen a súa devoción por unha das romerías máis coñecidas de Galicia. E non foi para menos, xa que nesta edición, a cita bateu récords de popularidade nunha xornada grande que destacou polo seu carácter internacional.

Xa desde ben cedo, romeiros vidos de distintos puntos achegáronse a Muxía a vivir ese “sentimento muxián”: esa maxia que o Santuario da Barca, as pedras que se atopan ao seu arredor e súa a incrible contorna. Unha maxia que tamén permitiu que a localidade se convertese nun oasis meteorolóxico cunha xornada apracible, contrastando coa choiva que caeu noutros municipios da contorna.

Aínda así, a devoción pola Virxe da Barca bateu novamente récords de asistencia, superando as cifras de anos anteriores, nunha Misa de Campaña -cantada pola Coral Polifónica de Muxía- que achegou esta singular tradición da vila mariñeira galega a un público multitudinario. O Deán da S.A.M.I. Catedral de Santiago, Manuel Jesús Formoso Fernández, presidiu a Eucaristía xunto co cura párroco, Daniel Turnes Rey. Este último agradeceu a implicación de toda a veciñanza e dos voluntarios chegados de distintos puntos de España na organización desta cita, que colleitou un gran éxito de convocatoria.

Novidades na traca de bombas de palenque

Tras a celebración da Misa de Campaña, integrantes de Protección Civil de Muxía portaron a talla orixinal da Virxe da Barca, datada do século XV, ata o peirao da localidade. A procesión foi acompañada pola Banda Jesús Nazareno de Ferrol e por máis dun milleiro de persoas que percorreron as rúas da capital muxián.

O paso chegou a un lateral da lonxa e alí procedeuse a un dos intres máis agardados e emotivos da xornada: a maior traca de bombas de palenque de Galicia. “Nesta ocasión, como novidade, unha maior potencia e máis colorido na nosa pirotecnia, lanzando as primeiras bombas de palenque desde dous barcos e non un como se viña facendo con anterioridade”, explica Ramón Pérez Barrientos, presidente da Asociación Cultural da Romería da Barca de Muxía, organizadora do programa festivo.

Unha vez finalizada a traca, Daniel Turnes procedeu á tradicional bendición da Barca, levantando a imaxe da Virxe ante a mirada emocionada do público. O son das sirenas dos barcos e os intensos vivas puxeron o broche a este acto, que deu paso a un novo percorrido da imaxe da Virxe, que foi depositada na Igrexa parroquial de Muxía, sendo esta a única noite que pasa fóra do Santuario da Barca.

Mentres tanto, no peirao, comezaba a macrosesión vermú con Acordes e Galicia, que repetirán pase á noite xunto coa orquestra Los Satélites.

Luns da Barca, a xornada da veciñanza

O Luns da Barca caracterízase por estar protagonizada polas xentes de Muxía. No Santuario, haberá misas ás 10.00 horas e ás 19.00 horas.

O acto central da xornada será a saída da procesión desde a igrexa parroquial ata o Santuario, ás 12.30 horas. Unha vez de volta a imaxe da Santa no templo, terá lugar a Misa solemne presidida polo cura párroco.

Paralelamente, haberá verbena a cargo da orquestra M-3 Show. O broche de ouro aos festexos máis grandes de Muxía porao a cantante internacional Soraya Arnelas cun concerto a partir das 23.30 horas no Malecón.

Toda a información sobre a celebración pódese consultar na web do evento https://romeriadabarcademuxia.com/ e nos seus perfís en Facebook e Instagram.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ir o contido
Romería da Barca de Muxía
Resumen de privacidad

Este sitio web usa cookies para poder ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.