Saltar ao contido

Romería da Barca de Muxía

A Charanga NBA protagonizará o pregón da Romaría da Virxe da Barca de Muxía

PresentacionRomariaBarcaMuxia (2)

Desde a organización queren agredecer a implicación deste grupo, que leva 38 anos actuando de xeito ininterrompido na celebración


Muxía, 10 de setembro de 2024. O Santuario da Nosa Señora da Barca de Muxía vén de acoller esta mañá a presentación das principais novidades da Romaría da Virxe da Barca de Muxía, que se desenvolverá entre os días 12 e 16 de setembro. Esta celebración está declarada como Festa de Interese Turístico Nacional desde 1989 e conta co apoio da Xunta de Galicia para a súa celebración.

O acto de presentación contou coa presenza do presidente da Asociación Cultural da Romaría da Barca, Ramón Pérez, que estivo acompañada polo alcalde muxián, Iago Toba; o cura párroco, Daniel Turnes, e o presidente da Asociación Cultural Charanga NBA, Julio Pan.

Na súa intervención, Ramón Pérez anunciou que “a Charanga NBA será a encargada de dar o pregón deste ano. É un grupo que sempre se verá no noso cartel. Levan actuando na Romaría da Barca de Muxía durante 38 anos e de xeito ininterrompido, incluso durante a pandemia. Por todo o seu apoio durante estas case catro décadas, queremos que sexa a protagonista nesta edición”, explicou.

O pregón terá lugar o venres ás 21.00 horas na Praza do Cabo da Vila. Julio Pan puxo de manifesto a “gran honra que é para nós ser pregoeiros desta festa. A Barca de Muxía é unha festa obrigatoria no noso calendario. Empezamos a actuar aquí coa fundación da charanga e xa van alá 38 anos. Sentímonos como en casa”, concluíu.

O presidente da Asociación Cultural da Romaría da Barca salientou as principais actividades que se ofertarán entre este xoves e o próximo luns en Muxía. Entre elas, non faltarán as verbenas nocturnas a cargo de orquestras, a tirada de bombas máis grande de Galicia, a sesión de fogos de artificio do sábado, ou os pasarrúas diarios de diferentes agrupacións.

Reforzo na posta en valor da celebración

Pérez agradeceu á Xunta de Galicia “o firme apoio á nosa celebración”, á que cada ano acode un maior número de visitantes. Neste senso, indicou que se está a realizar un esforzo pola “mellora da imaxe” da Romaría para contribuír á súa proxección tanto nacional como internacional. Estes esforzos materializáronse xa na posta en marcha dunha web sobre a celebración e presenza da mesma en dúas das principais redes sociais (Facebook e Instagram).

Non en van, son cada vez máis as persoas que visitan Muxía ano tras ano. Un dos condicionantes é o tirón do Camiño, que resulta un factor fundamental e que conforma un dos principais atractivos tanto para peregrinos como para fieis.

Benvida e estampas en 9 idiomas

No tocante á internacionalización, Daniel Turnes salientou algunhas das principais novidades aplicadas nesta edición do evento. “Vimos de instalar un cartel de benvida a carón do Santuario en nove idiomas e tamén creamos estampas nestes idiomas, entre os que se atopan inglés, alemán, italiano e chinés”, indicou.

Para aquelas persoas que non poden achegarse ao Santuario, ofrécese tamén a posibilidade de “seguir os principais oficios a través de streaming. Unha iniciativa que está a rexistrar moi boa acollida desde a súa posta en marcha. Tamén retransmitiremos a misa de campaña do domingo tras a procesión”, engadiu.

Coa estrea da réplica en 3D da talla da Virxe da Barca, tamén se habilitou “un novo camerín ao que se pode acceder, de xeito que os fieis poidan achegarse á imaxe da Santa”. Igualmente, estreouse un altar e instalouse un queimadoiro máis grande.

Ademais, mudouse a data de saída da procesión das antorchas. “Celebrouse o pasado sábado e contou coa asistencia de máis de 600 persoas”, afirmou o párroco.

O alcalde amosouse moi satisfeito coa celebración desta nova edición da Romaría da Virxe da Barca de Muxía. Precisamente grazas a este evento e polo tirón do Camiño de Santiago, “o noso Concello está presente en todo o mundo” e aproveitou a ocasión para animar a veciñanza e visitantes a achegarse á localidade para gozar do variado programa de actividades, que terán no domingo 15 de setembro a súa xornada grande.

Toda a información sobre o programa de actividades -tanto relixiosas como de lecer- pódese atopar na web www.romeriadabarcademuxia.com e nos perfís que a celebración vén de poñer en marcha nas redes sociais Facebook e Instagram (@romeriadabarcamuxia).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ir o contido
Romería da Barca de Muxía
Resumen de privacidad

Este sitio web usa cookies para poder ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.