Saltar ao contido

Romería da Barca de Muxía

Referencias literarias

A Romaría/Referencias literarias

A ampla tradición, a importancia e a devoción que suscitou a Romaría da Virxe da Barca levou a forxarse o seu espazo dentro das creacións literarias.

Entre as referencias das que se ten constancia atópanse grandes escritores como Federico García Lorca ou a universal Rosalía de Castro.

No caso do poeta granadino, a súa inspiración cara ao Santuario da Virxe da Barca puido xurdir das viaxes realizadas a Galicia no ano 1932, onde se puido imbuír da cultura e das tradicións galegas. Das devanditas visitas, xurdiron seis poemas que García Lorca escribiu en galego.

Lorca
Federico garcía Lorca

Entregou os escritos a Eduardo Blanco Amor -un dos grandes da literatura galega- para que os revisase e corrixise. Finalmente, os versos foron publicados pola editorial Nós en 1935 (no volume LXXIII).

Baixo o título Romaxe de Nosa Señora da Barca, o escritor granadino fai referencia a que a imaxe da Santa era transportada sobre un carro tirado por catro bois, unha referencia que non se correspondía coa realidade. Aínda así, o feito de que crease un poema ad hoc para a celebración denota a importancia que esta tiña na época.

ROMAXE DE NOSA SEÑORA DA BARCA

¡Ay ruada, ruada
da Virxe pequena
e a súa barca!

A Virxen era pequena
e a súa coroa de prata.
Marelos os catro bois
que no seu carro a levaban

Pombas de vidro traguían
a choiva pol-a montaña.
Mortos e mortas de néboa
pol-os sendeiros chegaban.

¡Virxe, deixa a túa cariña
nos doces ollos das vacas
e leva sobr’o teu manto
as froles da amortallada!

Pol-a testa de Galicia
xa ven salaiando a i-alba.
A virxe mira pr’o mar
dend’a porta da súa casa.

¡Ay ruada, ruada, ruada
da Virxe pequena
e a súa barca!

 

Pola súa banda, Rosalía de Castro (1837-1885) si acudiu á Romaría da Virxe da Barca e o evento deixouna moi sorprendida e marcada.

Tanto foi así que dedicou en Cantares Galegos un poema de 226 versos octosílabos, con rima asonante nos pares, tipo romance, á celebración. Ademais, a súa visita á zona e a Costa da Morte tamén lle serviu de inspiración para a súa novela A filla do Mar, publicada en 1959.

O poema comeza cunha cantiga popular de Nosa Señora da Barca e nel describe o desenvolvemento da celebración, tal e como o viviu durante a súa estancia na capital muxiá.

Rosalía
Rosalía de Castro

No Señora da Barca
ten o tellado de pedra
ben o pudera ter de ouro
miña Virxe si quixera

I
¡Cánta xente…, cánta xente
por campiñas e por veigas!
¡Cánta polo mar abaixo
ven camiño da ribeira!
¡Qué lanchas tan ben portadas
con aparellos de festa!
¡Qué botes tan feituquiños
con tan feituquiñas velas!

Todos cargadiños veñen
de xentiña forasteira
e de rapazas bonitas,
cura de toda-las penas.
¡Cántos dengues encarnados!
¡Cántas sintas amarelas!
¡Cántas cofias pranchadiñas
Dende lonxe relumbrean
cal se fose neve pura,
cale froles da primavera!

¡Cánta maxesa dos homes!
¡Cánta brancura nas nenas!
I eles semellan gallardos
pinos que os mountes ourean
i elas cogolliños novos
co orballo da mañán fresca.

As de Muros, tan finiñas
que un coidara que se creban,
c’aquelas caras de virxe,
c’aqueles ollos de almendra,
c’aqueles cabelos longos
xuntados en longas trenzas
c’aqueles cores rousados
cal si a aurora llos puñera
pois así son de soaves
como aurora que comenza;
descendentes das airosas

fillas da pagana Grecia,
elas de negro se visten,
delgadiñas e lixeiras
refaixo e mantelo negro,
zapato e media de seda,
negra chaqueta de raso,
mantilla da mesma peza,
con terciopelo adornado
canto enriba de si levan;
fillas de reinas parecen,
griegas estatuas semellan
si a un raio de sol poniente
repousadas se contempran;
ricos panos de Manila,
brancos e cor de sireixa,
crúzanse sobre o seu seio
con pudorosa modestia,
e por ante eles relosen
como brillantes estrelas
aderesos e collares
de diamantes e de pelras,
pendentes de filigrama
e pechuguiñas de cera.

As de Camariñas visten,
cal rapaciñas gaiteiras,
saias de vivos colores
polo pescozo da perna,
lucindo negro zapato
enriba da branca media;
chambras feitas de mil raias
azuladas e bermellas,
con guarniciós que lle caen
sobre a rumbosa cadeira.
Para tocar o pandeiro
non hai tales nenas,
que son as camariñanas
feitas de sal e canela.

As de Cé, ¡Virxe do Carme!
¡qué cariñas tan ben feitas!
Cando están coloradiñas
no ruxe-ruxe da festa,
cada mirar dos seus ollos
fire como cen saetas.
Nin hai mans tan ben cortadas,
tan branquiñas e pequeñas
como as que amostran finxindo
que non queren que llas vexan.
Son as de Laxe unhas mozas…
¡Vaia unhas mozas aquélas!
Sólo con velas de lonxe,
quítaselles a monteira;
porque son vivas de xenio,
aunque son rapazas netas.
Bailadoras… n’hai ningunhas
que con elas se entrometan,
pois por bailar bailarían
no cribo dunha peneira;
mais, en tocando a que recen,
en rezar son as primeiras…
dan ó mundo o que é do mundo,
dan á igrexa o que é da igrexa.

As de Noia ben se axuntan
cas graciosas rianxeiras,
polos redondos peíños,
polas cabeleiras crechas,
polos morenos lunares
e polas agudas lenguas,
que abofé que en todo pican
como se fosen pementa.
Veñen dempósi, recatadas,
anque un pouquiño soberbiras
por aquelo que elas saben
de antigüedade e nobresa
(pois por acó todos somos
tal como Dios nos fixera),
as meniñas ben compostas
dunha vila quisquilleira
que por onde vna parece
que van dicindo: -“¡Canela!
¿Prantamos ou non prantamos
a cantas hai nesta terra?
Mais si prantan ou non prantan,
non son eu quen o dixera,
que fora pouca cordura,
que fora farta llanesa.
Baste desir que, xuntiñas
todas na porta da igrexa,
máis bonitas parecían
que un ramiño de asusenas,
máis frescas que unha leituga
máis sobrosiñas que fresas.

Xa que fosen de Rianxo,
que fosen de Redondela,
de Camariñas ou Laxe,
de Laxou ou de Pontareas,
todas tan bonitas eran,
que o de máis duras entrañas
dera as entrañas por elas…
Por eso se derretían,
cal se foran manteiga,
diante delas os rapaces,
os rapaciños da festa,
os mariñeiros do mare
que donde a Virxen viñeran
porque a Virxen os salvara
de naufragar na tormenta.
Mais si salvaron no mare
non se salvarán na terra,
mariñeiros, mariñeiros,
que aquí tamén hai tormentas
que afogan corasonsiños
sin que lle vallan ofertas,
que oie ós namorados
que de afogarse se alegran.

II
Ramo de froles parece
Muxía das altas penas
con tanta rosa espallada
naquela branca ribeira,
con tanto caraveliño
que relose antre as areas,
con tanta xente corre,
que corre e se sarandea
ó son das gaitas que tocan
e das bombas que reventan,
uns que venden limoada,
outros auga que refresca,
aquéles dulce resolio
con rosquillas de almendra;
os de máis alá sandías
con sabrosas sirigüelas,
mentras tanto que algún cego,
ó son da alegre pandeira,
toca un carto de guitarra
para que bailen as nenas.

¡Bendita Virxe da Barca!
¡Bendia por sempre sea
miña Virxe milagrosa
en que tantos se recrean!
Todos van por visitala,
todos alí van por vela
na súa barca dourada,
na súa barca pequena,
donde están dous anxeliños,
dous anxeliños que reman.
Alí chegóu milagrosa
nunha embarcación de pedra.
Alí, por que Dios o quixo,
sempre adoradores teña.
A pedra, bala que bala,
sírvele de centinela,
e mentras dormen os homes
ela adorasón lle presta
con aquel son campanudo
que escoitar lonxe se deixa
e a quen o mar con bramidos
humildosos lle contesta.
Cando das campanas repican
e a música retumbea,
cal nun ceo, polas naves
da recollidiña igrexa;
cando os foguetes estalan
nos aires, e voces frescas
polo espaso cas gaitiñas
e os tambores se mescran,
entonces a pedra bala
tan alegre e tan contenta
que anque un cento de presoas
brinca e salta enriba dela,
como si fose mociña
máis que  una pruma lixeira,
alegre como unhas pascuas
salta e rebrinca con elas.
Choven entonces presentes,
choven entoses ofertas
que lle traen os romeiros
en feitiñas carabelas
diante da Virxe bendita
ós pes da sagrada Reina,
e por eso alí cantan
cando se despiden dela:

Nosa Señora da Barca
ten o tellado de pedra;
ben o pudera ter de ouro
niña Virxe se quixera.

A estes dous grandes autores da poesía súmanse outros autores galegos que dedicaron parte das súas obras á Romaría da Virxe da Barca. Este é o caso do escritor baiés, Enrique Labarta Pose (1863-1925) que tomou a celebración como referencia para crear un dos seus contos. Os muxiáns Xervasio Paz Lestón (1898-1977) e Gonzalo López Abente (1878-1963) inclúen entre os seus poemas versos dedicados á Romaría da Virxe da Barca. Como se pode comprobar, a festividade máis grande de Muxía suscitou gran interese e devoción non só entre a poboación local, senón tamén entre as persoas que puideron visitala.

Ir o contido
Romería da Barca de Muxía
Resumen de privacidad

Este sitio web usa cookies para poder ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.