Saltar ao contido

Romería da Barca de Muxía

Primeiras referencias

A Romaría/Historia/Primeiras referencias

Entre os primeiros viaxeiros que se sentiron atraídos por este lugar sagrado destaca o bohemio de orixe checo León de Rosmithal. Xa en 1466, deixou constancia da lenda local, falando de “unha nave cos seus remos, cables e demais aparellos feitos de pedra e aseguran que esta nave transportou a Deus coa súa nai e desembarcaron alí”. Esta temperá referencia subliña a forza da tradición oral e a sacralidade atribuída ao lugar moito antes das mencións formais da romaría.

Unha das primeiras mencións escritas conservadas sobre a celebración dunha romaría no Santuario da Virxe da Barca atópase nas “Memorias” (1607) do cardeal Jerónimo Del Hoyo, visitador da Diocese de Santiago. No seu texto, describe “una ermita de Nuestra Señora de la Barca questá muy cerca de la mar. Está bien proveida de todo lo necesario y es casa devota, donde dicen hay gran concurso en todas las fiestas de Nuestra Señora“. Del Hoyo non só testemuña a existencia do santuario como un lugar de devoción, senón que tamén resalta a significativa afluencia de romeiros durante as festividades. Outras referencias de principios do século XVII corroboran esta crenza nunha considerable presencia de fieis no santuario.

A crecente devoción na época queda aínda máis patente coa constatación da existencia dun Hospital para peregrinos en Muxía, xa documentado en 1571 na “Memoria de Hospitais do Arcebispado de Santiago”. A descrición dun apousento “ben reparado” suxire que este hospital levaba xa un tempo en funcionamento, atendendo aos numerosos peregrinos que chegaban a este recuncho da Costa da Morte.

Estas primeiras mencións históricas nos permiten trazar a evolución da Romaría da Virxe da Barca de Muxía, dende as súas raíces medievais ligadas á cristianización dun culto preexistente ata converterse na celebración de referencia que admiramos na actualidade. Un legado de fe e tradición que perdurou ao longo dos séculos, atraendo a peregrinos e visitantes en busca de historia, espiritualidade e a maxia dun lugar único.

Romeiros sobre a Pedra de Abdor
Romeiros sobre a pedra de Abdor (1958).
Fuente: Familia Rivadulla
Ir o contido
Romería da Barca de Muxía
Resumen de privacidad

Este sitio web usa cookies para poder ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.