A lenda da Virxe da Barca está intimamente ligada ao Camiño de Santiago.
Grazas ao profundo fervor relixioso que inspirou o Santuario e a súa conexión co Apóstolo, dende a Idade Media, Muxía e Fisterra convertéronse en destinos de peregrinación. A devoción á Virxe da Barca foi, e segue sendo, un imán para os camiñantes que buscan unha meta transcendente na súa viaxe.
Moitos peregrinos deciden estender a súa experiencia espiritual máis aló de Santiago de Compostela, culminando a súa aventura no extremo occidental da Península Ibérica. E é que o Camiño Fisterra-Muxía é o único itinerario xacobeo que ten a capital galega como punto de partida, non de chegada. É unha extensión do Camiño que cada ano atrae a máis e máis camiñantes.
En 2024, por exemplo, 2.255 persoas recorreron esta ruta! Iso é un 27% máis que o ano anterior, e case a metade deles (un 42%) eran estranxeiros, demostrando o enorme interese internacional no Santuario da Barca. Peregrinos de países como Portugal, Italia, Estados Unidos, Reino Unido e Alemaña, entre moitos outros, elixen Muxía para pechar a súa peregrinación, unindo fe, tradición e a espectacular beleza da Costa da Morte.
Ademais, e dada a importancia da Santa non só a nivel nacional senón tamén internacional, o Santuario da Barca de Muxía foi designado como un dos templos xubilares do Ano Santo Romano 2025. Isto significa que, baixo o lema “Peregrinos de Esperanza“, o templo conforma un punto clave de peregrinación para fieis de todo o mundo que buscan un tempo de conversión, penitencia e renovación espiritual.
Este período tan especial comezou o 24 de decembro de 2024 coa apertura da Porta Santa no Vaticano e se estenderá ata o 6 de xaneiro de 2026. A elección de Muxía como templo xubilar é un recoñecemento a súa profunda tradición xacobea e á devoción á Virxe da Barca, invitando a moitísimas persoas a vivir esta experiencia única no noso recuncho da Costa da Morte.
