“Muxía non se entende sen a súa Virxe da Barca, nin sen o seu Santuario. É algo que nos define, algo moi propio que nos dá identidade e dignidade de ser”. Así arrincaba esta mañá a misa do Luns da Barca o vicario parroquial de Muxía, Ernesto Antonio Villegas Román, quen presidiu o oficio de despedida da Romaría, acompañado do cura párroco Daniel Turnes Rey.
A regreso da talla ao seu lugar, o templo, dende a Igrexa Parroquial, congregou non só a boa parte da veciñanza, senón tamén aos peregrinos que finalizaban o seu Camiño neste día de recollemento. A medida que ía avanzando a procesión, coa música da Banda Municipal de Ponteceso, muxiáns e muxiás tornábanse para portar á Virxe ata o templo.
A popularidade do sentimento muxián fóra das súas fronteiras está a medrar edición tras edición, e este ano fíxose moi patente. Persoas vidas dende o Reino Unido, Estados Unidos, Corea do Sur e Taiwán mesturáronse entre os locais, nunha concorrida procesión e misa solemne, cantada pola Coral Polifónica de Muxía. “Unidade” foi a verba máis repetida nunha homilía na que se animou a engrandecer, aínda máis se cabe, a devoción pola Nosa Señora da Barca.
Ademais, Daniel Turnes celebrou a sinatura do convenio coa Xunta de Galicia, de arredor de 250.000 euros, que vai permitir a restauración interior e exterior do Santuario, e salientou o seguinte paso a dar: a recuperación do retablo que se perdeu no incendio do 25 de decembro de 2013. A Eucaristía rematou, como de costume, coa entoación do Himno da Virxe da Barca, que emocionou a moitos e arrincou numerosos vivas e salves á patroa.
Nas rúas da vila, atopábanse catro testemuñas que coñeceron de preto a tradición muxiá nesta fin de semana. Os relatos independentes de David Smith, Elizabeth Phamestir, Yo Han e Sindy Wang coinciden nun detalle: decidiron prolongar a súa peregrinaxe máis aló de Santiago de Compostela, ata Muxía, coñecedores todos de que aquí, existe unha grande historia e contorna natural incribles. Non son crentes, pero aseguran que algo se lles removeu por dentro ao viviren esta experiencia.
O colofón da edición máis internacional
Após os actos relixiosos, o Luns da Barca continuou no Malecón coa sesión vermú a cargo da orquestra M-3 Show, que repetirá pase pola tarde-noite. O broche de ouro porao a cantante internacional Soraya Arnelas, que trae a Muxía a súa xira do 20 aniversario.