Saltar ao contido

Romería da Barca de Muxía

A Romaría da Virxe da Barca atraeu a Muxía máis de 50.000 persoas durante as súas xornadas festivas

RomerosDiaGrandeBarcaMuxia

A organización destaca o incremento de visitantes estranxeiros e a ocupación ao 100% nas máis de 2.000 camas do municipio

O Santuario abre fronteiras coa retransmisión dos oficios vía streaming, acumulando unha media de 1.200 visualizacións

Muxía, 23 de setembro de 2024. Máis de 50.000 persoas encheron Muxía a pasada semana durante as xornadas festivas da Romaría da Barca. Así o indicaron desde a Asociación da Romaría da Barca de Muxía, organizadora do evento, declarado de Interese Turístico Nacional en 1989 e que conta co apoio da Xunta de Galicia para a súa realización.

“Estamos moi satisfeitos coa excelente asistencia rexistrada nesta edición. Rexistrouse un incremento con respecto ao ano pasado tanto na parte lúdica como relixiosa da programación”, afirma o presidente da entidade organizadora, Ramón Pérez. Non en balde, a ocupación das máis de 2.000 camas rexistradas no municipio muxiano estivo ao 100% durante toda a semana pasada.

Igual de cheos estiveron nos restaurantes da localidade que se complementaron coa actividade frenética nas 3 carpas de polbeiras -cunha capacidade media de 1.000 persoas-, e nos máis de 20 postos de comida instalados na capital muxiana. “De feito, varios dos postos esgotaron as existencias de produto”, explica o presidente da entidade organizadora, Ramón Pérez, quen indica que na próxima edición se prevé o incremento deste tipo de servizos de comida e bebida ambulante, dada a elevada demanda rexistrada.

Desde Sudamérica, Europa e Asia

No que a asistentes se refire, Ramón Pérez indicou que “nos últimos años, notaron un incremento de visitantes estranxeiros, e, nesta edición, máis que en anteriores ocasións”. Entre as procedencias, destacan especialmente as de Sudamérica, xa que “moitas persoas están emigradas en países como Arxentina, Uruguai ou Paraguai e aproveitan para visitar aos seus familiares”.

Chamou especialmente a atención un grupo de peregrinos asiáticos, que mostraron moito interese por todos os oficios desenvolvidos no Santuario, así como polas diferentes actividades incluídas na programación deste evento. Non menor importancia tivo o rexistro de asistentes procedentes desde Portugal, desde onde se fretaron varios autobuses que foron chegando a Muxía nas diferentes xornadas festivas, con especial incidencia no domingo grande da Barca.

Xa dentro do territorio nacional, sorprendeu o incremento de “grupos de Andalucía. De feito, na romaría do domingo chegaron 2 autobuses desde Chiclana de la Frontera, con máis de 100 persoas interesadas en vivir a devoción pola nosa Virxe”, concreta o presidente da Asociación da Romaría da Virxe da Barca.

As xornadas máis multitudinarias foron as do sábado e domingo, cunha media de 20.000 asistentes cada unha delas. A programación lúdica, que encheu Muxía de música, pasarúas e diferentes actuacións, contribuíu á elevada asistencia. A ela se sumou o día grande, coa procesión da Virxe da Barca e a solemne misa campestre -coa asistencia dunhas 5.000 persoas-, que culminou coa maior tirada de bombas de palenque de Galicia no porto muxiano. “Trátase dunha actividade que chama moitísimo a atención e que sorprende e impresiona moito ás persoas visitantes”, explica Ramón Pérez.

Con respecto ao resto de xornadas, a do venres contou con ao redor de 5.000 persoas, mentres que a do xoves a afluencia foi algo menor. No caso do luns, tamén se superaron os 5.000 asistentes que desfrutaron non só da procesión de garda da Virxe da Barca, senón tamén das últimas propostas lúdicas do programa, entre as que destacou a festa da escuma infantil, ademais das orquestras e grupos musicais, que puxeron o broche de ouro aos festexos en Muxía.

Un Santuario cada vez máis internacional

Pola súa banda, o párroco muxiano, Daniel Turnes, tamén se amosou moi satisfeito porque “o número de peregrinos á Romaría creceu exponencialmente”. A falta de concretar cifras, si que se rexistrou unha excelente resposta da cidadanía e visitantes á posibilidade de “acceder ao camerín, onde poden ver á Virxe máis de preto. É a primeira vez que se abre ao público en tres décadas e gustou moito”, explica.

Ademais desta novidade, desde o Santuario realizaron “unha aposta moi arriscada” ao facilitar a asistencia virtual aos oficios a través do streaming. Desde a páxina de Facebook do Santuario da Barca, retransmitíronse en directo as diferentes Eucaristías, comezando coas da Novena -que tamén rexistrou un incremento de afluencia con centos de asistentes cada día-. De acordo cos primeiros datos que barallan desde a parroquia, “obtivemos unha media de 1.200 visualizacións de cada directo e non deixamos de recibir felicitacións por estas retransmisións”, detalla Daniel Turnes. 

Non en balde, o uso das novas tecnoloxías facilitou a internacionalización do Santuario da Barca, xa que “se rexistraron moitas visitas desde o continente americano e, mesmo, temos constancia de persoas que están embarcadas e que, grazas ao streaming, puideron seguir os diferentes oficios”. Dada a boa resposta, desde a parroquia barallan a posibilidade de realizar unha retransmisión diaria das misas co fin de ampliar a devoción pola Virxe da Barca.

Amplo despregamento de efectivos de seguridade e emerxencias

A pesar da multitudinaria asistencia, “non se rexistraron incidentes”, explica Ramón Pérez. Aínda así, e para favorecer o adecuado desenvolvemento de todos os actos, a Romaría da Barca de Muxía contou cun amplo despregamento de efectivos de seguridade e emerxencias, vindos desde distintos puntos de Galicia e España.

Así, a celebración contou con 3 UVIs móbiles; un equipo do SAMUR, de 10 profesionais, e outro especializado en Violencia de Xénero, de Xetafe, con 4 integrantes. A estes sumáronse unha vintena de efectivos da Policía Local, así como unha decena de patrullas da Garda Civil (Tráfico, Seprona e antidisturbios). Ademais, Muxía contou con máis máis de 60 voluntarios de agrupacións de Protección Civil de Galicia e outras comunidades como Madrid e Estremadura.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ir o contido
Romería da Barca de Muxía
Resumen de privacidad

Este sitio web usa cookies para poder ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.