Saltar ao contido

Romería da Barca de Muxía

A Romaría da Barca de Muxía pechou a súa edición máis multitudinaria superando os 55.000 asistentes

A Romaría da Virxe da Barca pechou a súa última edición cun balance moi positivo. “Estamos moi satisfeitos coa boa resposta de asistencia rexistrada nesta edición, a pesares das ameazas de choiva, chegando a superar as 55.000 persoas participantes nas distintas actividades da festa. De feito, na xornada do domingo asistiu máis público que o ano pasado”, indica Ramón Pérez Barrientos, presidente da Asociación Cultural da Romaría da Barca, organizadora do programa festivo.

“As festas transcorreron con total normalidade e sen incidentes de relevancia”, indica Pérez, quen tamén salientou a capacidade de convocatoria que este ano tivo a celebración. “Xornalistas de medios de comunicación internacionais achegáronse a Muxía para coñecer de preto a nosa celebración, quedando moi sorprendidos coa cantidade de xente asistente, a variedade de propostas e os aspectos singulares como os fogos de artificio e a nosa traca de bombas de palenque”, explica.

Os aloxamentos do municipio penduraron o cartel de completo durante a fin de semana grande do evento. No caso concreto dos albergues, notouse unha importante afluencia de peregrinos estranxeiros que quixeron aproveitar a súa viaxe para descubrir o amplo programa de actos, que combinou os oficios relixiosos coas actividades culturais e de lecer. Igual de ateigados estiveron os restaurantes e bares da capital muxiá durante as xornadas festivas, ao igual que as carpas de polbeiras e os variados postos de comida que se distribuíron pola zona do Malecón.

Visitantes de todo o mundo

Pola súa banda, o Santuario da Barca non deixou de recibir visitantes durante a semana previa e na propia da romaría. “O feito de que saíra nos medios que a pedra volveu abalar fixo medrar tamén o número de romeiros no templo, non só nos días centrais, senón tamén durante toda a Novena. Ademais, a procesión nocturna dos fachos sumou máis devotos que o ano pasado. Incluso esta fin de semana a concorrencia foi masiva”, afirma o cura párroco do templo, Daniel Turnes, quen tamén salientou que “a colaboración entre institucións favoreceu que fora un éxito todo”.

O páaroco tamén puxo de manifesto o incremento no número de “peregrinos de todas as partes do mundo”. Non en van, durante a Romaría da Virxe da Barca déronse cita no templo diversas nacionalidades: coreanos, taiwaneses, estadounidenses, ingleses, suramericanos, irlandeses, franceses e, incluso, de Indonesia… Un crisol de procedencias cun mesmo obxectivo: descubrir esa espiritualidade e contornas únicas que fan do Santuario da Barca un destacado lugar de culto e visita. “O peregrino que finaliza en Muxía o seu Camiño, busca aquí un espazo para a reflexión e para compilar todas as experiencias vividas durante a súa travesía… E adoita repetir”, conclúe Turnes. 

A convivencia entre os actos litúrxicos e lúdicos fan do programa unha combinación perfecta para atraer a todo tipo de públicos. Así, ofrecéronse durante as catro xornadas desde procesións, oficios e Misa de Campaña, ata pasarrúas de charangas, bandas de música e agrupacións folk, pasando polos espectáculos de grandes orquestras para poñer o broche de ouro co concerto da artista internacional Soraya Arnelas.

“Este ano apostamos por ampliar o abano de propostas culturais e de lecer, sen deixar de lado aspectos máis tradicionais”, concreta o presidente da Asociación Cultural da Romaría da Barca de Muxía. Unha combinación perfecta que fai desta celebración todo un referente non só a nivel nacional, senón tamén internacional.  

Amplo despregue de efectivos

Neste senso, a gran afluencia de visitantes requiriu dun amplo dispositivo de efectivos de emerxencias e seguridade. “Como en anteriores ocasións, contamos con preto dun cento de voluntarios de Protección Civil de distintas partes de Galicia e tamén doutros puntos de España, como Madrid, Comunidade Valenciana ou Estremadura”, explicou.

Ademais, e coa fin de velar pola saúde das persoas asistentes, contouse con 3 UVIs móbiles; un equipo do SAMUR de 10 profesionais, e outro especializado en Violencia de Xénero, de Xetafe, con 4 integrantes. A estes sumáronse unha vintena de efectivos da Policía Local, así como unha decena de patrullas da Garda Civil (Tráfico, Seprona e antidisturbios).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ir o contido
Romería da Barca de Muxía
Resumen de privacidad

Este sitio web usa cookies para poder ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.