As rúas de Muxía empezan a bulir de actividade con todos os preparativos para Romería da Virxe da Barca, celebración declarada Festa de Interese Turístico Nacional (FITN) desde 1989 e que conta co apoio da Xunta de Galicia para o seu desenvolvemento. A cita terá lugar entre mañá e o luns 15 de setembro e integra un completo programa de propostas, que combina tanto os oficios relixiosos como as actividades culturais e de lecer.
“Agardamos que o tempo nos respecte, especialmente no día grande, e que poidamos celebrar a Romería da Barca con normalidade”, explica o presidente da Asociación Cultural, Ramón Barrientos. Desde a organización deste evento están a traballar arreo para proxectar a cita máis grande de Muxía alén as fronteiras españolas. De feito, a localidade recibirá a visita de profesionais de medios internacionais que amosaron o seu interese en coñecer de preto esta cita.
No tocante á programación festiva, a xornada de mañá, 12 de setembro, comezará coa tirada de 21 bombas de palenque ás 12.00 horas para despois dar paso aos pasarrúas de xigantes e cabezudos con grupos de gaitas pola vila (que se repetirán nas mañás do sábado 13, á mesma hora, e o domingo 14 e o luns 15, ás 09.00 horas).
Seguidamente, terá lugar a primeira sesión vermú con Disco Móvil CDC, que tamén finalizará esta primeira xornada festiva con outra actuación pola noite.
Pregón a cargo do CF Muxía
A inauguración oficial da Romería da Barca terá lugar ás 20.30 horas no palco da orquestra, localizado no Malecón. Neste ocasión, e nunha homenaxe ao deporte base, o pregón estará protagonizado polos xogadores e xogadoras do CF Muxía. O acto estará presidido polo director da Axencia Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, por integrantes da Asociación Cultural da Romaría da Barca de Muxía, e por representantes do Concello de Muxía.
Seguidamente, arredor comezará a verbena nocturna. Esta correrá a cargo da orquestra Kubo, que presume de ser a que conta co palco máis grande de España.
A música será tamén protagonista no Sábado da Barca, coa verbena amenizada pola orquestra Alianza, que repetirá pase pola noite, xunto coa París de Noia. O intre máis importante será a gran tirada de fogos de artificio desde o peirao muxián, que comezará ás 00.30 horas.
A pirotecnia continuará o día grande da Romería da Virxe da Barca, domingo 14 de setembro, coa tirada da maior traca de bombas de palenque de toda Galicia ás 14.30 horas, seguida dunha actuación da Coral Polifónica Virxe da Barca. Haberá macrosesión vermú con Acordes e Galaxia, que repetirán pase á noite xunto coa orquestra Los Satélites.
Para pechar a programación musical, a cantante internacional Soraya Arnelas ofrecerá un concerto o luns ás 23.30 horas no peirao. Ese mesmo día pola mañá, para a sesión vermú, haberá pase da Orquestra M-3 Show.
Programación relixiosa
As propostas de lecer convivirán en todo momento coa devoción e o recollemento propios destas xornadas tan importantes. Mañá finalizará a Novena da Barca, coa Eucaristía das 19.00 horas, que contará co subdelegado episcopal de Infancia e Xuventude e párroco da U.P. de Riazor en A Coruña, Santiago Romero.
Para o Sábado da Barca haberá misas ás 11.00, 13.00 (cantada), 18.00 e 19.00 horas. O Domingo da Barca, día grande, haberá Eucaristía ás mesmas horas. Porén, a das 13.00 horas, a Misa de campaña, será o acto central da xornada e celebrarase no exterior do Santuario da Barca. Seguidamente, terá lugar a procesión que levará a imaxe da Virxe da Barca ata o peirao, onde se procederá á bendición e a tirada de bombas de palenque para despois trasladar á Santa á Igrexa parroquial.
O Luns da Barca haberá misas ás 10.00 horas e ás 19.00 horas. Ás 12.30 horas, sairá a procesión da igrexa parroquial ata o Santuario, onde terá lugar a Misa solemne.
Activación do Plan de Seguridade
Ante a previsión da asistencia de numerosos visitantes, o Plan de Seguridade da Romería da Virxe da Barca xa está activado desde onte. Para a xornada grande está prevista a asistencia de numerosos efectivos de seguridade e emerxencias procedentes de distintos puntos de Galicia e España. Entre eles, UVIs móbiles, unidades especializadas en Violencia de Xénero, equipos do SAMUR, unha decena de patrullas da Garda Civil, así como máis de medio cento de voluntarios de agrupacións de Protección Civil de Galicia e doutras comunidades como Madrid ou Extremadura.
Toda a información sobre a celebración pódese consultar na web do evento https://romeriadabarcademuxia.com/ e nos seus perfís en Facebook e Instagram.
